O presidente do Comité de Empresa, Rafael Souto (UXT), explicou que a protesta chega despoués de que o venres 22 de febreiro, "de maneira sorpresiva, por videoconferencia", anunciásenlles a presentación dun concurso de acredores e o peche das instalacións, cando estaban a dar "a coñecer o novo comité de empresa".

Souto incidiu en que a partir deste momento teñen previsto "realizar concentración e mobilizacións, para que desde Barcelona vexan que están en contra deste peche", ao estimar que esta decisión se debeu "a que están a xogar co grupo de empresas que teñen".

Así, o representante sindical lembrou que a compañía conta cunha planta en Portugal e outra "recentemente estreada en Polonia, nas que investiron máis de 40 millóns de euros", mentres na de Narón "están a negar todo, xa que existía un plan de viabilidade, por sentenza xudicial, no que se lles obrigaba a investir cinco millóns de euros, algo que non fan nin queren facer".

Tamén asegurou que esta medida non a esperaban e colleulles "a todos por sorpresa". A pesar de que "as máquinas son obsoletas", remarcou que non contaban con esta decisión.

DESLOCALIZACIÓN

O representante de UXT tamén denunciou que parte da produción que tiñan levárona "estes días" para a planta de Portugal". "Nós temos traballo e así os compañeiros que estaban a facer determinadas tarefas tiñan traballo para varios meses, cunha produción contratada e con clientes", apuntou, "varios camións foron desviados e hai almacenado no exterior da planta unhas 160 toneladas" de material elaborado.

Souto trasladou, nunha comparecencia ante os medios, que a empresa lles concedeu aos traballadores un permiso retribuido, para que non vaian traballar, que non aceptaron.

Ante esto, presentaranse "na planta todos os días e segundo as quendas" establecidas.

A parte social tamén criticou que a principios de 2018 a dirección de Poligal presentase un plan industrial "cuns plans de expansión, pero nunca contando coa planta de Narón, a pesar de ser a matriz e a que máis especialidades ten e referencia, e que por agora non poden facer as outras dúas plantas", situadas en Arcos de Valdevez (Portugal) e Polonia.

APOIO DE EN MAREA

Nesta concentración deuse cita a deputada Yolanda Díaz, de En Marea, que acusou á dirección de Poligal de executar "un proceso claro de deslocalización, co investimento de até nove millóns de euros na nova planta de Polonia", onde Díaz reclamou "a actuación do Goberno de España" para evitar "continuar asistindo a procesos de deslocalización coa achega de recursos públicos".

Segundo a deputada de En Marea "isto é un disparate, sobre todo nunha comarca que é unha das máis golpeadas non só de Galicia, senón a nivel de Estado, e que a sitúa nunha das peores situacións sociolaboral" de todo o país.

Díaz xa asegurou que a formación vai actuar "e que permanecerá atenta" ao que ocorre no proceso do concurso de acredores, "para ter máis datos, xa que incumpriron o compromiso, que tiñan por sentenza xudicial, dun investimento de seis millóns de euros, destinando por contra estes fondos á nova planta de Polonia".

Por última Díaz, reclamou "man dura", ao estimar que é necesario coñecer "o proceso de xestión" desta planta, xa que "de existir un proceso de descapitalización, como son case todos, queremos que se abra a man á responsabilidade".

GOBERNO LOCAL

Na concentración deste sábado tamén estiveron presentes responsables do goberno de Narón, onde o seu primeiro tenente de alcalde, Guillermo Sánchez (TeGa) asegurou que "isto foi unha sorpresa" e que apoiarán aos traballadores. "Agardemos que este tipo de empresas, que sempre están a pedir subvencións, que esta decisión non sexa por este motivo", agregou.

Sánchez tamén trasladou que "esta decisión é grave para os traballadores e tamén para o Concello de Narón".

NOVA MOBILIZACIÓN

A próxima mobilización convocada terá lugar o vindeiro luns, 25 de febreiro, cunha marcha que partirá ás 10,00 horas desde a fábrica dedicada á produción de filme de polipropileno para o sector da alimentación, e que se dirixirá ao Concello de Narón, onde os integrantes do comité de empresa serán recibidos polos portavoces municipais.

Consulta aquí más noticias de A Coruña.