A lei galega de acuicultura "axilizará" trámites e facilitará transformar marisqueo en actividade acuícola

Quintana di que a "integración ambiental" é clave e recorda que ningunha lexislación na UE prohibe piscifactorías en Rede Natura
Consello de la Xunta
Consello de la Xunta
ANA VARELA
Consello de la Xunta

A futura lei de acuicultura da Xunta, a primeira da Unión Europea (UE) nesta materia, "simplificará e axilizará" todos os trámites administrativos para o seu desenvolvemento, e facilitará que as confrarías que explotan bancos naturais en réxime de marisqueo poidan "dar o paso definitivo" cara á actividade acuícola.

Ao termo da reunión semanal do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, abordaron os detalles desta norma integrada en 15 títulos que regulan "tódalas casuísticas" para garantir a explotación e xestión sostible desta actividade.

Faino de forma integral e diferenciando en catro ámbitos: zona marítima, marítima terrestre, parte litoral da zona terrestre e terrestre. A primeira refírese aos cultivos que se desenvolven na lámina de auga mariña, normalmente a flote e Quintana exemplificou coas bateas.

En canto á zona marítima-terrestre abrangue as áreas intermareais nas que están os parques de cultivo, como os de Carril, en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). A parte litoral da zona terrestre correspóndese coa parte máis próxima á costa e na que se instalan, por exemplo, as plantas de cultivo de rodaballo. A última área é a interior da zona terrestre.

Entre as súas principais novidades, Quintana destacou que a lei "axilizará e simplificará" todos os procedementos administrativos e tamén facilitará a toma de decisións á hora de xestionar proxectos de acuicultura.

Así, incorpora figuras previas que, antes da presentación do proxecto final, permiten ao promotor e á Administración coñecer a viabilidade dun establecemento e ponderar as características técnicas, biolóxicas e económicas do sistema produtivo.

Os devanditos procedementos denomínanse declaración de idoneidade previa, previa a que se outorguen os títulos habilitantes na zona terrestre, e informe de idoneidade, para as zonas marítimo e marítimo terrestre.

Parques de cultivo colectivo

Quintana incidiu especialmente na regulación da transformación do marisqueo en acuicultura, de forma que se permite aos titulares en bancos naturais adecuar, "voluntariamente", a súa actividade ao exercicio da acuicultura.

A actividade resultante denominarase acuicultura en parques de cultivo colectivo e contará cun réxime normativo específico.

Con ela, garantirase o mantemento da actual estrutura "colectiva" do marisqueo e outorgarase ás entidades asociativas do sector, "con prioridade" ás que xa xestionen a zona en cuestión.

Ampliación dos títulos habilitantes

A lei fixará un prazo máximo de resposta de seis meses nos procedementos de prórroga dos permisos de actividade. Así, no caso de que a Administración estatal non ditase informe expreso sobre a ocpuación do dominio público marítimo-terrestre neste prazo, a Consellería estimaría a petición de prórroga.

Do mesmo modo, regula a Comisión Técnica de Acuicultura e a Comisión interadministrativa de Acuicultura, e en aras da "seguridade xurídica", clarifica as competencias entre administracións.

Deste modo, indica que é a Administración do Estado, a través de Costas, a que outorga primeiro as concesións administrativas de ocupación do dominio público marítimo-terrestre, e despois a consellería do Medio Rural e do Mar dá o permiso para exercer a acuicultura.

O anteproxecto lexislativo tamén amplía a duración dos títulos habilitantes para o exercicio da actividade acuícula, que pasan de 30 a un máximo de 50 anos, adaptándoa así a norma á última modificación da lei de costas estatal.

Responsabilidade civil

O documento regula tamén os plans sectoriais de ordenación, a localización da actividade e a declaración das zonas de interese preferente. Así, a Xunta poderá declarar algunhas zonas como de interese preferente para a acuicultura, o que significa que nelas se promoverá o desenvolvemento económico e o emprego nas zonas costeiras ou do interior, a través da expansión da acuicultura.

Sobre a integración ambiental, Quintana destacou que será clave no proxecto, de forma que pon atención ao cambio climático e aos plans hidrolóxicos, ao tempo que obriga ao titular das plantas a "construír e manter durante a vixencia da explotación" un seguro de responsabilidade civil para facer fronte a posibles danos ambientais.

Por último, a lei esixirá a reposición da zona ao seu estado natural tras a extinción do título e fixará un catálogo de prohibicións.

Piscifactorías en rede natura

Conforme xa fora ratificado cando se aprobou o plan director, en Galicia poderanse construír piscifactorías en Rede Natura. Quintana subliñou que na lexislación europea non existe "ningunha prohibición" de impulsar este tipo de empresas "en ningunha zona".

"A Directiva de Hábitat o permite", remarcou, antes de recordar, en todo caso, que Galicia conta cuns requisitos esixentes dende o punto de vista ambiental para poder acometer esta actividade nas zonas de maior protección.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento