Pan e circo

Dime Spoke que o da festa rachada, o do pan e o do circo son cousas que veñen de vello indefectiblemente unidas á canícula; xa de cando os romanos!
Os bocatas de balde nas bancadas do anfiteatro onde pegaba o sol eran toda unha institución nos tempos do Imperio, e a nós, que daquela eramos parte del, iso debeu ser algo que de seguro nos quedou ben gravado. Hoxe, sen ir máis lonxe, comezan as festas de Bouzas. Como? Comendo. Ou sexa, cun «festival gastronómico». Onte tocaba falar brasileiro en Castrelos, e o domingo, tamén en Castrelos, festa do mexillón (e van sete): tres mil quilos de bivalvos a un prezo irrisorio, amais de empanada e viño; unha celebración que, en palabras do concelleiro do ramo, leva camiño de consolidarse. Non cabe dúbida: reina o optimismo. E aínda queda moito verán por diante. Pero, para Spoke, a resaca despois de tanta festa gratuíta (ou case) pode chegar a custar caro. É o caso, di, desta cidade, no que o dereito público á festa vai á par de innumerables reveses privados. E será.
Mostrar comentarios

Códigos Descuento