Ao noso xeito

De todas as festas que se celebran por aquí e por alá as que me dan máis que ver e que gozar son as do Orgullo Gai.
Penso que os gais foron os primeiros en ensinarnos que a reivindicación e a diversión non estaban rifadas, e que precisamente pedían dereito ao goce (right to party, que dicían os Beasty Boys).

Algo que lles facía moita falta aos manifestantes de puño en alto, Internacional ou Os Pinos segundo conveña, e que aquí puidemos ver noutras convocatorias como as de Nunca Máis. O concepto de mani-festa-acción é cousa dos movimentos sociais deste principio de século, e naceu coas marchas antiglobalización.

Pero a festa do Orgullo vén de moito antes. Vén de reclamar a igualdade, a liberdade, o dereito a ser diferente, e tamén cousas moito máis serias como o placer polo placer.

O dereito a que nos gusten homes, mulleres, as gominolas de fresa, Ana Kiro ou mesmo OBK. A vivir como nos pete, e se a alguén non lle gusta que lle bote zucre. Mal non lle ha facer.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento