Alucinante

Así resume Spoke o panorama, antes de marchar de vacacións. Primeiro: Vigolandia sitúase na vangarda da defensa do pensamento único dentro da arquitectura. César Portela vai se-lo encargado de converte-lo histórico cine Fraga nun magno centro cultural (outro!) no centro da cidade, despois de estar, por poñer só dous exemplos, detrás do Museo do Mar varado en Alcabre e enriba do hipotético complexo de Casa Mar. Por desgraza, segundo o meu amigo, as súas obras son colectores que non acaban de acoller aquilo que din que conteñen. Ei-lo caso do Verbum (Casa das Palabras), un edificio tamén proxectado por César Portela, no que desde a súa inauguración reina un silencio que mete medo.

Segundo: o vicealcalde presenta a súa flamante páxina web turística remocicada o mesmo día no que, por causa dunha folga de limpeza dos parques, a contorna de Samil aparecía feita un vertedoiro: bingo á oportunidade! Terceiro: o alcalde declara que xa ten xerente de urbanismo pero que debe convocar un concurso-pantomima “por respecto ás normas procedimentais”. Non é alucinante?