Os homes de Paco

Aos homes de Paco fóiselles outra vez a pinza.
Planearon unha acción espectacular, sincronizaron os reloxos, chamaron a prensa, puxeron o pasamontañas, encenderon as sirenas e comezaron unha operación ‘antiterrorista’ que algún xuíz quixo chamar Castiñeira, por aquilo do magosto.

E polas castañas repartidas, espero que non físicas pero si morais, non só para os dez detidos senón para os movementos civís e os centros socio-culturais que rexistraron. Lugares onde se xunta a xente para actividades tan perigosas como clases de teatro, gaita ou capoeira, falar de cine, de sexo ou de independencia nacional. Gran delicto isto último.

Aos homes de Paco informáronos mal, non sei se por erro ou a propósito, e despois de armala gorda e levaren os aplausos de (poucos) veciños do barrio viron como aos dez detidos os mandaban para a casa. E arrubiáronse, pero só un pouco. A fin de contas son os homes de Paco. E a Paco, claro, hai que gardarlle un respecto. Iso que xa hai trinta anos que morreu.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento