Cheira a chamusco

Ou a iso é ó que lle cheira a Spoke, quen, coa particular mirada que adoitan ter aqueles que poden ve-las cousas con distancia, pensa que a marea de incendios que arrasa (é un dicir) a nosa cidade agocha unha intención evidente: a de que os viguícolas fagamos, a teor do que arde, a identificación de todo o antigo con algo vello (cun traste), e, xa postos, diso vello cunha cousa caduca.
As lapas na Panificadora, segundo Spoke, estarían achandando o camiño para que a maioría poida aplaudir (sen mala conciencia) o derrubamento dun edificio emblemático (palabra máxica que, á maneira do ábrete, Sésamo!, parece se-la encargada de abrirlle as portas á picaraña), dun edificio do que se nos ofrece a súa cara ruinosa para provoca-lo noso desapego.O incendio subseguinte que se asañou cunha Casa Mar xa condenada despexa as posibles dúbidas: por estes lares manda a política da terra queimada. Esperemos que agora, co conto da Feira do Libro, non se lle ocorra a ningún iluminado montar unha pira.
Mostrar comentarios

Códigos Descuento