20 anos, que movida

Este mes fixéronse dúas décadas da edición do mítico álbum titulado Fai un sol de carallo, o álbum dos Resentidos que incluía aquel himno que cantaron mozos, nenos, vellos e animadoras de orquestra durante o verán de 1986: Galicia Caníbal.
Di Manuel Rivas que aquela foi a canción do antiverán, a resposta nórdica das filloas de sangue contra os chiringuitos e barbacoas do momento. O crítico Xavier Valiño reférese a este disco como o big bang do rock en galego.

E, en efecto, moito lles hai que agradecer a Antón Reixa e os seus a valentía de seren os primeiros que usaban o galego nunhas letras e nunhas músicas cheas de modernidade. A honestidade de contestarse á pregunta ‘Por que non?’ con contundencia e imaxinación, repartindo retranca dende Fisterra ao Padornelo e ben máis aló.

Eles abriron o camiño e, tras algúns altos e baixos, o sol de carallo volve brillar no panorama galego con varias ducias de grupos cantando na nosa lingua todo tipo de xéneros. Xa sen resentimentos, coido que teremos movida para 20 anos máis.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento