Poñerse medallas

Vanse repartir outras moitas (como non!) pero non esa. Se ninguén o remedia, o que vén sendo o máximo galardón ó que, en teoría, calquera viguícola, en canto tal, pode aspirar, non lucirá nesta festa local da Reconquista no peito (en rigor, nos peitos) de quen fixo (fixeron) tanto para merecelo. Nin a Rede Veciñal de Mulleres contra os Malos Tratos, nin a Policía local, nin Hijos de J. Barreras poderán se-las nosas particulares «raíñas por un día» porque os anfitrións, os Mario Cabré e José Luis Barcelona da ocasión, non son quen de poñerse de acordo.

Bonito espectáculo! Non será, espetoume o meu amigo de forma ben pouco diplomática cando lle abrín a porta, que os políticos que nos tocaron en sorte, en canto escoitan a palabra medalla, no único que pensan é en cal das dúas lapelas lles iría mellor? Non será que o deles é poñerse medallas, tamén as dos demais, antes de gañalas?