¿A qué cheira?

Spoke forma parte deses que aprenderon a educa-lo seu sentido do olfacto a base de ler novelas coma O perfume e de ver filmes coma O festín de Babette; aínda que nunca puxese en dúbida iso de que a realidade sempre supera á ficción (por moito que fose científica).
Así pois, é normal que quedara sen palabras cando se informou, por boca dun turista espacial, do enésimo vertido de augas fecais, esta fin de semana, na ría. Seica as gaivotas (símbolo xa das aves carniceiras) fixeron o seu particular agosto naquel océano de detritos. Un espectáculo do que puideron gozar (é un dicir) aqueles que decidiron abrirse ó mar dando un paseo polo Náutico.

Alguén pensa que a fragrancia multimillonaria das flores que dun tempo a esta parte inundan a cidade vai camufla-lo cheiro que emana das cloacas? Non, di Spoke  para si mesmo, se non se inviste en saneamento; non, se non hai depuradora que funcione; non, se os cartos van para o accesorio (regatas e palmeiras). É como se por botar pachuli, por exemplo, xa non houbese que ducharse. E así cheira.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento