Noite de Reis

Hoxe entrou Spoke pola porta con cara de poucas panxoliñas.
Dou fe de que para el, coma para todos nós cando eramos pequenos, esta noite era a noite, como diría Neil Young (aínda que a súa fose moito máis negra), porque nela cabía soña-lo imposible. Pode que tocara espertar entre carbóns (de azucre, iso si), pero o día seguinte caía moi lonxe, e máis cando restaba toda a noite (esta noite) por diante.

Pois ben, a Spoke, isto, hoxe, soáballe a chinés. Estaba disposto a abraza-lo escepticismo. Este ano non escribira a carta. Argumentou que ó Estado aínda non lle dera por cuantifica-lo gasto que lle suporía sacarnos dese vicio, en prinicpio inocuo, que, sen dúbida, é soñar, así que, de momento, soñar sae gratis, e que pode que esa fose a razón de que aínda estivese permitido.

Conclusión: pódese soñar calquera cousa. Pero, soñar qué? «Xa podes pedi-lo que sexa que eles van vir co que lles pete», espetoume un Spoke sentencioso. «Máis obras?, máis regatas?, máis flores?...», pensei. E calei.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento