Merry Christmas!

Houbo un tempo no que a única película que un montaba na casa, por estas datas, era un belén (en sentido estrito), cos seus protagonistas de sempre, os seus secundarios: treis Reis Magos ós que lles levaba unha eternidade percorrer vinte centímetros, e uns cantos extras en forma de ovellas e pastores.
Nas mansións, onde o gusto polas superproducións estaba máis arraigado, incluso tiñan muíño. Quen non recorda aquela insufrible banda sonora: «Hacia Belén va una burra, rin, rin...»! E todo, sobre un manto de carriza por onde serpeaba un idílico río de prata (de papel de prata, quero dicir).

Pero, como me sinalaba onte Spoke, os costumes foráneos e a así chamada arte contemporánea están a cambiar, radicalmente, a paisaxe propia do nadal. «Todo o inundan as «jingle bells», os abetos ananos, as esculturas malamente empaquetadas (un arremedo das instalacións de Christo), e centos de Santa Claus clónicos facendo rappel polas fachadas coma posesos.» E hai que verlle a cara á Virxe do nacemento da Alameda: nin saída dun picasso!

Mostrar comentarios

Códigos Descuento