Ollos de Gruyère

Con eses ollos, ó tempo que sorrí con cara de rato vello, é cos que Spoke ve esta sufrida urbe.
Di, dun xeito un tanto apocalíptico, que as modernas catacumbas (aparcadoiros subterráneos) que cada día que pasa lle comen máis subsolo á cidade van acabar por provocar, como xa sucedera na Roma dos romanos, un cataclismo; ou sexa, que de seguir abrindo buratos indiscriminadamente, váisenos vi-la cidade abaixo.

«Non sería mellor», pregunta, «que en lugar de fomentárde-lo afán depredatorio dos vermes rodantes (coches, na terminoloxía de Orión) puxeráde-lo voso empeño na construción dunha rede de galerías seguindo o criterio, sempre sabio, dunha toupa (metro ou suburbano, segundo as zonas)?

Nun primeiro momento, e cunhas poucas liñas, poderíase eliminar», argúe, «gran parte do tráfico de superficie (así, como soa), facer dos barrios lugar habitable (humanizalos, nunha palabra), e co tempo, ó enlazar co tren de toda a vida, facilita-la comunicación con Pontevedra, O Porriño, a fronteira... Ou os cartos están para outras cousas?», conclúe irónico.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento