O secretario xeral do PPdeG e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, considerou unha "boa noticia" que a Fiscalía arquivou a denuncia presentada por unha muller contra o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e afeou a postura dos grupos da oposición cando transcendeu o caso.
A preguntas dos medios, Rueda indicou que descoñecía o contido da resolución de arquivo da Fiscalía, pero indicou que é "unha boa noticia (que decaese), especialmente, para o principal afectado, para Manuel Baltar".
"Cando un asunto se leva á Xustiza, hai que respectar o que diga a Xustiza, diga o que diga", abundou o tamén conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
"Todos os que fiaban todo ao que dixese a Xustiza, facendo xuízos previos como sempre, supoño que agora que o fiscal falou terán que recoñecer que non tiñan razón e que cousas que dixeron estaban fose de lugar", xulgou.
O dirixente popular significou que, na súa opinión, "sempre o máis intelixente é deixar que actúe a Xustiza, defender a presunción de inocencia da xente, sexa quen sexa, e actuar en consecuencia cando se pronuncia".
Os tempos da xustiza os "marca a xustiza"
Preguntado polo feito de que se coñeza este arquivo a un día de que arranque a campaña electoral, Rueda indicou que os tempos da Xustiza "os marca a Xustiza", e que "ás veces benefician e ás veces non". En todo caso, indicou que "seguiría sendo unha boa noticia" suceda agora, "catro días antes ou despois" de que comezase a campaña.
Á pregunta de se dende o punto de vista ético o partido ten algunha consideración, Rueda concluíu que o PP "se manifestou sobre este asunto" que se "levou ás instancias xudiciais e agora acaba de falar" a Xustiza.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou en pasadas ocasións que estaría "atento" ao que dixese a Xustiza sobre a denuncia, agora arquivada pola Fiscalía.
Comentarios
Hemos bloqueado los comentarios de este contenido. Sólo se mostrarán los mensajes moderados hasta ahora, pero no se podrán redactar nuevos comentarios.
Consulta los casos en los que 20minutos.es restringirá la posibilidad de dejar comentarios