Beatriz Mato advirte que a Xunta terá que tomar medidas que non serán doadas" para cumprir o déficit

Asegura que a Administración galega, malia ter "menos presuposto" que noutros exercicios, ofrece "moitos máis servizos"
Beatriz Mato
Beatriz Mato
XUNTA/CONCHI PAZ
Beatriz Mato

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asegurou que a Xunta terá que adaptar os seus presupostos para 2012 "á realidade" ante as previsións de crecemento económico e en función das contas estatais, polo que avanzou que "haberá que tomar medias que non serán doadas" para cumprir o déficit "que está marcado".

Así manifestouno nunha entrevista concedida á Cadena Ser recollida por Europa Press, na que indicou que espera que as transferencias do Estado a Galicia "queden iguais ás que había en 2011", aínda que considerou que "se hai que cumprir o déficit que está marcado haberá que tomar unha serie de medidas que non serán doadas".

A este respecto, recordou que a Xunta "leva tres anos facendo medias de axuste nos presupostos", cuestión que, como sinalou, "é moi difícil" e ante a que "hai que ter claro que se debe priorizar".

"Hai que adaptar os presupostos á realidade e esta é que, agora, o Estado ten que axustar as súas contas a un déficit do 4,4 por cento", apuntou antes de adiantar que "haberá que tomar medidas" e que "é aí onde se van ver as prioridades que marque o Goberno", cuestión que "non será doada pero ante a que hai que estar expectantes".

"eficiencia" de xestión

Precisamente, cuestionada sobre se o peche dun centro de atención a menores na provincia de Ourense era unha medida de recorte para o aforro de gasto público, a titular de Traballo e Benestar sinalou que aínda que "haberá quen queira interpretar isto como un recorte non deixa de ser unha eficiencia" na xestión".

"Se temos unha familia repartida en dúas casas e esta pode caber nunha, aforra un aluguer", exemplificou para engadir que nun só dos centros de menores da provincia ourensana "caben todos os menores que a Xunta ten tutelados" e "mesmo sobran oito prazas" nesta infraestrutura na que os "están ben atendidos e coa calidade que necesitan".

Escolas infantís

Na súa intervención, Beatriz Mato descartou o peche dalgunha escola infantil e, pola contra, afirmou que a Administración galega "está a abrir máis, algo que hai que ter en conta nestes momentos económicos".

Segundo indicou a titular de Traballo e Benestar, a pesar de que hai "menos presuposto" que en anteriores exercicios, se están ofrecendo "moitos máis servizos e creando prazas".

"O Meu reto é que cada vez que teña a responsabilidade de abrir algo sexa porque son capaz de mantelo aberto", manifestou antes de asegurar que "poñer un ladrillo nunha escola non é o caro, o caro é mantela aberta".

Neste sentido, tras ser cuestionada sobre a suba das taxas das escolas infantís, puntualizou que este incremento, "progresivo" e en función de que "quen máis ten tamén paga máis", débese á necesidade de "adaptalas á realidade que ten o seu custo" pois, como recordou, "levan sin ser dez anos revisadas".

"externalización de servizos"

Preguntada pola xestión dos servizos en escolas infantís por parte de empresas privadas, defendeu que esta fórmula é "perfectamente legal e considerada pola lei de servizos sociais" e "empregada por moitas institucións públicas como o anterior goberno socialista do Concello de Ames, o de A Coruña ou o de Teo".

"Menciono estas institucións públicas porque son gobernadas polos partidos que neste momento intentan, dalgún xeito, crear alarma onde non a hai. O máis importante é dar servizo á cidadanía, prazas públicas nos centros e que estas cheguen a quen as necesita".

Mercado laboral

Por outra banda, cuestionada sobe o momento no que os datos do paro comecen a mellorar na comunidade, asegurou que "non é prudente facer unha previsión" sobre cando estará recuperado o mercado laboral en Galicia.

Sobre esta cuestión, considerou que as circunstancias son "convulsas" e que as perspectivas económicas "cambian en cada momento", polo que polo que sinalou que a Xunta "debe adaptar as súas políticas e aplicar medidas como a austeridade e o control do déficit".

Por último, destacou a "responsabilidade" dos axentes sociais en Galicia para alcanzar "14 acordos importantes" do diálogo social que "perseguen mellorar a situación económica e laboral".

Mostrar comentarios

Códigos Descuento