Galiza a Eurovisión

Pode que o teña xa pedido por aquí, pero é unha reclamación que non me canso de facer.
Xa non o digo para poñer en valor as nosas Letriñas, que esta semana xa van máis que homenaxeadas, nin con ansia independentista, aínda que son das que coida que isto vale máis ca termos unha selección de fútbol nacional.

Si é certo que me encantaría ver a Lucía do Incio ou o modernísimo Proxecto Mourente, representando a La Galice e acadando douze points. E a Beatriz Manjón dicindo para toda Europa os resultados da votación galega.

Pero a razón fundamental é de estatexia. Está comprobado que nos últimos anos gañan case sempre os países balcánicos porque son moitos a votarse entre eles, algo que non lles acontecía antes.

Por esa regra de cercanía, España só pode contar cos votos de Andorra e de Portugal. Pero se houbese un representante catalán, outro vasco e outro galego xa poderiamos facer contubernio en igualdade de condicións. Berren canda min: Galiza a Eurovisión. Ás Ketchup tamén lles convén.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento