A táboa de salvación

A fin da maioría absoluta por parte do PSOE da cidade da Coruña pode traer como consecuencia negativa a prolongación da carreira de Henrique Tello como político local, cando de feito se achaba nunha fase agónica. Por iso está obsesionado con chegar xa a un pacto de goberno con Losada, aínda que sexa sen condicións e mesmo perxudicando ao BNG.

Este acordo sería para el a súa única táboa de salvación, logo de vinte anos de liderato conflitivo nos que, para se impor sobre a militancia crítica, chegou a utilizar os peores insultos e descalificacións persoais, de facer unha oposición pusilánime e preguiceira a Vázquez ollando para outro lado e de obter nas últimas eleccións uns malos resultados, perdendo votos e alonxándose dos dez conselleiros que prometera.

Non creo que sexan positivos outros vinte anos aplicando de xeito simple o discurso futboleiro á política. No BNG local urxe unha nova figura de consenso, alguén que evite a crispación e tensións internas e que traballe arreo e con ilusión desde o Goberno municipal ou desde a oposición polo ben da cidade da Coruña e do nacionalismo.