Quen nos boicotea a nós?
NOTICIA
16.12.2005 - 06:21h
Acousa do boicot aos produtos cataláns, que tanta risa causaba ao principio, parece que agora só llela fai aos empresarios vinícolas de Valladolid.
Pena que nós, coma sempre, cheguemos tarde a todas estas lerias. O BNG presenta agora a súa proposta de Estatuto para ver se por aí adiante, nos mentideiros radiofónicos ou dixitais do liberalismo, se nos pon a parir igual que fixeron con Carod-Rovira. Polo de pronto rinse da nosa «ansia expansionista» e de que queiramos impor o imperio do polbo á feira alén do Padornelo, e xa están dispostos a boicotearnos o ídem.
O malo é que aquí se nos queren boicotear nin nos decatariamos. Para a cea de Nadal as ameixas ben poden ser chilenas, as centolas francesas e os langostinos da Arxentina, que ademais de dar o pego son moito máis baratos e nin nós aprezamos a diferenza.
Sabémolo dende hai anos. O caso é que, por unhas ou por outras, os galegos non precisamos armala con Estatuto ningún, cando xa nos levan boicoteando de toda a vida de Dios.