A Coruña

(AM.) Hernández, terceiro alcalde de Santiago dende 2011, convoca a "todos" para recuperar a "normalidade" en Raxoi

Agustín Hernández asume el bastón de mando de Santiago
ARXINA

O exconselleiro Agustín Hernández tomou o bastón de mando de Santiago das mans de Ángel Currás, converténdose no terceiro alcalde popular dende que Gerardo Conde Roa se fixo coa Alcaldía en 2011 e fíxoo co compromiso de poñer fin inmediato á "excepcionalidade" que marcou a capital galega, ao tempo que pediu a implicación de "todos" para retomar a "normalidade institucional".

"Esta cidade nunca se pode construír dende a óptica dunha única opción política. Precisa da implicación de todos. Por iso vou traballar dende agora e para iso convoco a todos, cidadáns e oposición, coa man tendida", apelou Hernández, elixido alcalde co voto a favor dos 13 edís populares e o rexeitamento dos oito do PSOE, xa que os concelleiros do BNG abandonaron o pleno en sinal de protesta.

Despois da despedida de Currás, quen confiou en que Hernández e o seu equipo poidan devolver a Compostela "a súa natural serenidade institucional, estabilidade e continuidade", o novo alcalde arrancou o seu discurso plasmando a súa vontade de facer, "co concurso de todos", un Concello "a cada paso mellor".

Fronte ás dúbidas suscitadas por un goberno conformado por unha maioría de concelleiros non electos, o novo rexedor sentenciou que o relevo é "froito da aplicación estrita da lei", se ben admitiu que tamén dun momento "excepcional". A continuación, plasmou a "súa vontade" de que esta "excepcionalidade" finalice de inmediato.

Nas súas primeiras palabras como alcalde recoñeceu o labor dos funcionarios de Raxoi, cos que espera seguir confiando baseándose na súa vocación de "servizo público" por enriba de "lexítimos credos e ideoloxías persoais", pero tamén destacou expresamente o "esforzo" dos seus sete antecesores en etapa democrática, incluídos Gerardo Conde Roa e Currás.

"unha nova etapa"

Hernández, quen entrou no salón de plenos acompañado de Currás —cuxa renuncia tamén se formalizou nesta sesión— e deulle un abrazo ao xurar a súa acta de concelleiro, incidiu nas circunstancias "especiais" que acompañan a súa toma de posesión e que "condicionaron a vida" do Concello. Referíase, entre outras e aínda que non o mencionou expresamente, á sentenza que inhabilitou a sete edís por prevaricación.

Destas "circunstancias", sinalou que o PPdeG asume "a cota de responsabilidade" que lle corresponde, para engadir que tamén se fai cargo de "toda a responsabilidade" para a súa "inmediata resolución, dende agora e para o futuro". "Hoxe ábrese unha nova etapa no Concello de Santiago", proclamou.

O novo rexedor afronta este "desafío" con "decisión" e coa convicción de que o seu mandato sirva para recuperar a "plena eficacia na xestión administrativa, o pulso da actividade política e o clima de traballo e concordia" en Raxoi. O obxectivo "único", confesou, será "servir a todos e a cada un dos veciños", cun traballo destinado a achegar "estabilidade, confianza e proximidade".

"Para iso, imos traballar arreo como un goberno unido e compacto, na busca de dar solución aos verdadeiros problemas e ás necesidades que ten a cidade", afirmou, para prometer que, ante a "inxente tarefa" que asume, todo o seu equipo converterá Santiago no "centro" do seu traballo. Para el, a capital galega será "o centro da súa vida" e no Concello pasará "a maior parte das horas" nas que non estea na rúa, como fixo na Consellería.

"recuperar a ilusión"

Por último, anunciou que pechará de inmediato e fará público este mércores a repartición de áreas do seu goberno, a cuxos integrantes advertiu que hai que facer que os compostelanos recuperen ilusión" pola cidade, que vexan que "as cousas se fan ben, con sentido común", que se "prioriza" o gasto "con criterio" e que se "escoita" antes de tomar posesión.

Tras unha grave crise política en Raxoi que se prolongou semanas, Hernández tomou posesión nun pleno extraordinario arroupado por numerosas autoridades como o delegado do Goberno, Samuel Juárez; o vicepresidente da Xunta e número dous do PPdeG, Alfonso Rueda; así como a conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, o seu relevo no gabinete de Alberto Núñez Feijóo, que nesta ocasión non acudiu, aínda que si cargos do seu ámbito.

Na mesma sesión materializouse a renuncia de Currás, quen polo momento se mantén no seu goberno e será o único edil do novo equipo de goberno imputado, como no seu día el mesmo tomou as rendas do Concello das mans de Gerardo Conde Roa tras dimitir este pola súa fraude fiscal en abril de 2012.

En ambos casos, o relevo prodúcese tras unha operación auspiciada pola cúpula do PPdeG. Os populares suman así tres rexedores nun mandato local que iniciaron con "ilusión" en 2011, toda vez que levaban máis de dúas décadas sin lograr gobernar o Concello da capital galega. Entre 1986 e 1987, Ernesto Viéitez foi rexedor por Alianza Popular.

Maioría de edís non electos

Convocada tras desestimar a Xunta Electoral as alegacións contra un goberno con maioría de concelleiros non electos formuladas por PSOE e BNG, que pretenden chegar ao Tribunal Constitucional, a sesión deste martes serviu previamente para que Hernández e outros oito concelleiros tomasen posesión das súas respectivas actas.

Hernández e os outros oito que ocuparon o seu posto de concelleiro relevaban aos sete edís que renunciaron por imperativo legal tras ser inhabilitados por autorizar o pagamento da defensa do seu compañeiro Adrián Varela, imputado na Operación Pokémon, a este —que xa renunciara previamente—, e á tamén concelleira Rebeca Domínguez.

Deste modo, o novo alcalde, que pechaba a lista electoral do PP de Santiago en 2011, e a deputada Marta González, que lle antecedía no posto 24, son os dous únicos concelleiros que entraron este martes en Raxoi que ían na candidatura que encabezaba Conde Roa.

As outras sete 'fichaxes' externas que se incorporaron ao Pazo de Raxoi son a senadora e histórica do PP de Santiago, María Jesús Sainz; a xerente do Consorcio de Santiago, María Antón; o licenciado en Dereito Manuel Martínez Varela; así como Ramón Quiroga, marido dunha das edís inhabilitadas, Cecilia Sierra.

Hernández tamén se rodea no seu equipo de membros do seu antigo departamento na Xunta como a enxeñeira de Camiños Teresa Gutiérrez; e da licenciada en Dereito María José Corral. Ademais, súmase Alejandro Sánchez-Brunete Varela, quen foi asesor da Consellería de Presidencia e do propio Concello compostelano.

A excepción de Marta González, quen prometeu ao tomar posesión da súa acta, tanto Hernández como o resto de novos edís optaron polo xuramento.