Xosé Manuel Pereiro destaca a homenaxe "valente" ao seu irmán como "un recoñecemento" máis alá do uso do galego

Felicita a RAG polo seu cambio de liña, ao dedicar o Día das Letras a "distinguir o heterodoxo", unha poesía "dura e descarnada"

O decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro, felicita a Real Academia Galega pola súa decisión de dedicar o Día das Letras Galegas ao seu irmán, o poeta Lois Pereiro, unha homenaxe, ao seu xuízo, "valente" que "recoñece" o mérito literario do autor monfortino máis alá do uso do idioma galego.

É máis, Pereiro considerou que con esta elección se fai "unha aposta" que pode "facer ver" que a literatura galega "non é algo endogámico", senón "toda unha polifonía" na que cabe unha ampla gama de textos, dende os máis clásicos aos máis vanguardistas.

Nela hai "selvas, desertos, glaciares e mares", resaltou, tras o que incidiu na existencia de autores que, como o seu irmán ou o escritor recoñecido este ano —Uxío Novoneyra—, "teñen mérito como literatos e non só, como se adoita achacar ultimamente, por escribir en galego". Ningún dos dous tivo "ningún tipo de vantaxe por escribir en galego: ao revés", apostilou.

Neste extremo, admitiu que a obra do seu irmán se defina como "dura e descarnada", porque "dicía as cousas duras e claras", pero confrontou estas características con que tamén é "moi atractiva". Con esta elección "amplíase a oferta" e mozos que descoñecen a Lois a día de hoxe poderán descubrir a súa poesía, destacou o seu irmán.

Manuel rivas,

"algo que ver" na decisión

Ademais, valorou os escritores premiados este ano e o que vén por supoñer "un cambio" na liña tradicional da Real Academia Galega, na dirección de "distinguir o heterodoxo". "É unha decisión valente", recalcou e engadiu que, polo que a el e a súa familia respecta, o escritor e membro numerario Manuel Rivas é "un terceiro irmán" que "ten algo que ver".

En canto á celebración do próximo 17 de maio, Pereiro indicou que é algo do que se ocupa a Academia, aínda que apuntou que, se lle preguntan polo lugar, Monforte ou O Incio serán a súa resposta.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento