A Fundación María José Jove e o Chuac inauguran mañá en A Coruña unhas xornadas sobre cancro de mama

A Fundación María José Jove e a Fundación Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) inician este xoves ás 19.00 horas unhas xornadas sobre actualizacións en cirurxía do cancro de mama.

Segundo informou hoxe a Fundación María José Jove, máis de 20 expertos procedentes de distintos hospitais e centros de investigación de toda España e estranxeiros se darán cita estes días "coa finalidade de contribuír á formación científica e actualización dos profesionais da sanidade, nun espazo no que poidan compartir experiencias con profesionais nacionais e internacionais na materia".

Como consecuencia do impacto que esta enfermidade produce nas familias, particularmente nos menores, ambas as dúas entidades organizaron unha xornada na que se abordará o cancro dende un punto de vista máis persoal.

Así, mañá, a partir das 19.00 horas, Társila Ferro, do Instituto Oncolóxico de Cataluña, falará da 'Enfermeira xestora de casos en atención multidisciplinar do cancro de mama', que introducirá unha mesa redonda titulada 'Mamá ten un cancro', moderada por Carmen Cereijo, do Chuac, e na que se tratará o impacto do diagnóstico nos menores, o coidado dos nenos durante o tratamento da nai ou das iniciativas institucionais.

As xornadas continuarán o venres 4 coa participación dun panel de expertos que disertarán sobre os 'Conflitos durante a planificación cirúrxica do cancro de mama', moderados por Luis Albaina, do Chuac. Antes da inauguración oficial, ás 13.45 horas, á que acudirá a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, se falará das 'Achegas da resonancia magnética á planificación cirúrxica do cancro de mama' e haberá unha mesa redonda sobre 'Radioterapia e reconstrución mamaria'.

A Fundación María José Jove editou tamén o conto titulado 'Mamá ten un tumor'. A finalidade desta publicación, da que se distribuirán máis de 7.000 exemplares polos hospitais públicos galegos, en colaboración coa Consellería de Sanidade, é abordar os cambios que debe afrontar na súa vida unha nai no momento que se lle diagnostica o cancro de mama.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento