Ferrín asegura que acudiría á manifestación "se non tivese o acto da Academia" e anima a asistir

Ve a Novoneyra como "unha espléndida luminaria poética, que fixo máis habitable a segunda metade do século XX"

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luis Méndez Ferrín, afirma que acudiría á manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego "en defensa" dos dereitos lingüísticos dos gallegoparlantes o próximo Día das Letras Galegas e á que, "por suposto", anima á participación.

"Eu estaría, se non tivese o acto da Academia", asegurou Ferrín nunha entrevista concedida a Europa Press, en alusión ao pleno extraordinario da RAG que se celebrará o luns no Courel, en homenaxe ao poeta Uxío Novoneyra, homenaxeado este ano.

Precisamente, trátase dun acto en público, aberto, e ao que están invitados todo tipo de personalidades da política e a cultura de Galicia, entre eles, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Deste modo, o actual presidente da Academia, elixido en substitución a Xosé Ramón Barreiro, destacou a importancia do Día das Letras, sobre todo, no caso da presente homenaxe a Novoneyra, a quen ve como "unha espléndida luminaria poética, que fixo máis habitable a segunda metade do século XX".

Frear a caída de falantes non é "inevitable"

Por iso e no actual marco de perda de falantes de galego, Ferrín destacou a importancia da reivindicación e de "poñer en práctica medidas" para que a lingua propia de Galicia "siga sendo o que é".

"Estase a constatar dende o século XV", recordou o académico, unha situación de perda de uso do galego que atribúe, "por unha parte, ás presións adversas do colonialismo español" ás que estivo sometida, historicamente, Galicia. O resultado, segundo Ferrín, é toda unha serie de persoas "que non queren falar galego", como herdanza do devandito colonialismo.

"Miles de anciáns que, a pesar de ser a súa lingua, non falan galego", lamentou o responsable da RAG. "Non queren que o falen os seus fillos, nin queren que o falen os seus netos", incidiu.

En contraposición, situou aos "neohablantes" como o resultado dese proceso "de recuperación do galego", cidadáns "que optan por usalo". "Aí está o futuro", aclarou Ferrín, tras advertir de que se trata "dun xogo a morte" para o idioma.

Por iso, mostrouse optimista de cara a unha próxima tendencia de recuperación no numero de falantes e considera que frear a caída dos indicadores non é "inevitable", tras situar o camiño en "facer todo o posible" e "poñer en práctica as medidas" oportunas. "Inevitable non hai nada. Se caeu Roma, Constantinopla, non hai nada inevitable. O futuro é algo que non se pode predicir", concluíu.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento