Os números cantan

Spoke apareceu onte exultante: «As enquisas confírmano: a rapazada viguícola non se coloca nin máis nin menos cós seus conxéneres de calquera outro lugar civilizado».
Conclusión: pese a que todo indica o contrario, Vigo non é diferente... no das drogas. Segundo o meu amigo, que o 81% dos mozos de 14 a 21 anos que viven na cidade (ou sexa, case todos) tivera ocasión de drogarse algunha vez, vai querer dicir que a socialización funciona, aínda que o faga daquela maneira.

E fai por expilicarmo: «Noutros tempos», e os tempos de Spoke hai que medilos en anos luz, «os borrachos aferrábanse ó seu cartón de viño, e os adolescentes (máis ben tardíos) ían de antro en antro, coma zombis, para consumiren, apegados á barra, o seu particular leite plus; agora, pola contra, os adolescentes (tamén os precoces) prefiren converte-las esquinas, os parques e as prazas en auténticas ágoras nas que trapichear, conversar e beber, coma os gregos.»

E remata enfático: «Se a Praza da Estrela amañece un domingo chea de cristais, é que a noite foi, toda ela, un brinde comunitario!» Pois será.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento