Polo que se ve, lonxe quedan os tempos da fame, e poucas ganas hai de pasala agora voluntariamente para poñer tipo fino. Total, para dous meses que sae o sol non temos moita ocasión de lucir palmito e por máis dentes longos que nos poñan os escaparates de Bershka quen lles dera a moitas solucionar cun burka.

Cómpre moito sacrificio para fuxir do cocido, empanada de millo e similares, ou para resistirse ás delicias do monte neste tempo de caza, castañas e cogumelos. Nin ao cariño das nais propias e alleas que nos ceban celebrando o gusto que dá vernos comer. E pobres de nós que non repitamos ou que tentemos rexeitar amablemente a sobremesa.

Está claro que neste país o canon de beleza debería ser a repoludez, as pernas gordechas e as fazulas coloradas, e que sexan outras as que tiran os cartos na Corporación Dermoestética podendo empregalos na Guía Michelín. Comede filliñas, que é todo salú e o palleiro non se fai sen palla.