GHalegos en GHuadalix

Comezou o sétimo Gran Hermano cun casting que promete.
Os galegos, eses humanos aos que tanto nos presta oír un sotaque curuñés na tele como ver unha matrícula PO alén do Padornelo, estamos servidos e contentos de ter aí dous paisanos e ademais emocionados por ver as famosas camisetas coa bandeira da vaca e a de Centoloman no chalé de Guadalix.

Desta vez a representación patria está composta por unha rapaciña coruñesa moi siareira do Dépor e un mozote vigués que vai aos partidos do Celta. De Raquel di súa nai que «es algo sosiña» e a Tono os amigos cualifícano de «friqui con buen corazón».

Até o de agora non nos deron motivos para pensar que poidan ser doutro xeito, aínda que ao final os nosos veciños do GH nunca acaban sendo tan sosos, nin tan friquis, nin tendo tan bo corazón. Non sei se os realities son representativos pero vai ser que os galegos neles, como na vida, resultamos ser terribelmente normais. Canto vai a que gañamos.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento