O concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera, compareceu este martes en rolda de prensa para achegar o punto de vista do goberno local sobre as últimas informacións relacionadas con Ence e o seu traslado.
Mosquera lembrou a posibilidade de incluír os terreos que ocupa Ence dentro do chan da Autoridade Portuaria de Marín xa foi estudada no ano 2005, a pesar de que naquel momento optaran por outra saída ao considerala "máis factible para saltarse a lei" e que foi finalmente o escollida "pero logo tombada pola Audiencia Nacional", en referencia á prórroga anulada polo alto tribunal este verán.
O edil sinalou que a ampliación de zona de servizo do porto de Marín contou cun expediente aberto nese ano e chegou a redactarse un informe municipal, que se mostraba negativo ante esta posibilidade.
A maiores, o concello pediu un informe "ao maior experto de portos no Estado", en alusión a Francisco Javier Jiménez de Cisneros Cid, quen redactou un documento "demoledor" para a viabilidade da solicitude.
Ese informe, continuou Mosquera, sinalaba que nos portos non pode haber actividades que non estean vinculadas e sexan necesarias para o funcionamento do porto "e é evidente que ningún porto ten unha celulosa", comentou o concelleiro.
Ademais, lembrou que o Estado, despois de contemplar esta posibilidade e comprobar o seu "pouco percorrido legal", decidiu abandonar esta vía e arquivou o asunto no mesmo ano 2005.
"Nestes momentos sería peor, porque está claro que a idea de adherirse ao porto vén dada pola idea de saltarse unha sentenza. Non hai por onde collelo", asegurou César Mosquera.
Para o concelleiro nacionalista "é evidente que esta vía tería e terá menos percorrido do que tivo no ano 2005" xa que "as sentenzas non poden ser saltadas facendo fraudes deste tipo".
Neste sentido, Mosquera entende que a proposta formulada polos comités de empresa de Ence durante a reunión mantida este luns co conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, é "volver resucitar unha vía que xa estaba cegada hai 16 anos", algo no que ve "crear unhas expectativas absurdas, marear á xente sen ningún viso de que vaia a chegar a nada".
"Ence non pode estar aí e hai que buscar unha localización alternativa", sentenciou Mosquera, que tamén se referiu ao papel do Consello Consultivo de Galicia, a quen a Xunta solicitará un informe sobre a viabilidade legal desta proposta.
"Sacará un ditame esotérico", indicou o edil pontevedrés, que vaticinou que estes informes serán tombados despois pola xustiza.
Por último, o concelleiro de Ordenación do Territorio fixo un chamamento á Xunta e ao Partido Popular para que deixen de crear "expectativas absurdas".
"Parece que o PP está convertido na confraría da fraude, sempre buscando solucións fraudulentas. En Costas só pode estar o que pode estar, e Ence non pode estar", aseverou.
Comentarios
Hemos bloqueado los comentarios de este contenido. Sólo se mostrarán los mensajes moderados hasta ahora, pero no se podrán redactar nuevos comentarios.
Consulta los casos en los que 20minutos.es restringirá la posibilidad de dejar comentarios