Os deputados que quedan na Cámara galega báixanse ou piden reducir o seu soldo pola crise do covid-19

Os deputados da Cámara galega sumáronse á loita contra o coronavirus nesta crise sanitaria e, neste sentido, baixáronse o soldo ou pediron reducir os seus ingresos durante o tempo que perdure o estado de alarma e a emerxencia sanitaria.
Minuto de silencio polos falecidos do covid-19 e polas persoas enfermas
Minuto de silencio polos falecidos do covid-19 e polas persoas enfermas
PARLAMENTO DE GALICIA
Minuto de silencio polos falecidos do covid-19 e polas persoas enfermas

Achegarán o 30 por cento do seu salario os deputados do PPdeG, o grupo maioritario da Cámara, que conta con 18 deputados na Deputación Permanente -entre titulares (nove) e suplentes (nove)-, aos que hai que sumar os conselleiros que conservan a súa acta (catro) e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, que cobran salario do Goberno.

Os populares lanzaron un tuit na súa rede social na que anunciaba esta medida. "Os deputados do Grupo Popular doarán o 30 por cento da súa nómina de abril á loita contra o coronavirus", anunciou, aínda que o alcance desta medida está por concretar.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, avanzou na rede social Twitter que doará o "50 por cento dos seus ingresos desde que se decretou o estado de alarma para a loita contra a crise xerada polo covid-19".

"A acción dos gobernos é clave nesta crise", sinalou Caballero, que sostivo que hai actos como esta doazón que, "sen solucionar o grave, contribúen a mostrar o seu compromiso".

Gonzalo Caballero, que explica que os deputados estatais, senadores e parlamentarios autonómicos do tamén contribuirán con doazóns a facer fronte á crise do COVID-19, remitiu unha carta á militancia e aos responsables públicos do partido para convidar a participar nesta campaña.

Pola súa banda, os deputados do Grupo Común da Esquerda, cinco integrantes na Deputación Permanente entre titulares e suplentes, presentaron un escrito ante a Mesa para pedir que se lles reduza a nómina ao salario base, é dicir, de 5.052 euros brutos pasar a cobrar 2.067 brutos, uns 1.400 euros mensuais -en función das retencións de cada un- mentres dure a crise do covid-19.

No escrito, con data de este domingo 5 de abril, e que recolle Europa Press, os parlamentarios do Grupo Común da Esquerda sosteñen que a crise do coronavirus "precisa unha implicación activa de toda a sociedade, que fai un esforzo extra para atender todas as necesidades e non deixar a ninguén atrás".

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou o pasado sábado que os deputados nacionalistas tamén doarían parte do seu salario do mes de marzo a proxectos de investigación vinculados a loitar contra o covid-19.

Tamén o Parlamento de Galicia anunciou unha transferencia á Xunta dunha partida de dous millóns de euros procedentes do remanente de tesouraría da institución para contribuír ás necesidades orzamentarias derivadas da pandemia.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento