Mato reivindica os seus "coñecementos técnicos" para xestionar Medio ante críticas de que Feijóo lle dá "unha maría"

Augas de Galicia aumenta o seu presuposto un 16,7% en 2016 ata os 100 millóns e Sogama recicla en 2015 "un 80%" do que recibe
Beatriz Mato En Comparecencia De Presupuestos
Beatriz Mato En Comparecencia De Presupuestos
EUROPA PRESS/REMITIDO
Beatriz Mato En Comparecencia De Presupuestos

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, reivindicou este luns na Cámara galega os seus "coñecementos técnicos" tras ser "enxeñeira na empresa privada" para encargarse deste departamento, ao tempo que defendeu o balance na xestión das súas anteriores responsabilidades en materia de emprego.

Deste modo saíu Beatriz Mato ao paso das críticas da oposición durante a exposición das contas do seu departamento no Parlamento galego, despois de que Antón Sánchez (AGE) se pregunte que viu Feijóo en Mato "para recolocala nesta consellería", tras unha "xestión moi mellorable" en emprego, con "dimisións" de altos cargos por "relacións" coa Operación Zeta, que "non foron suficientemente clarificados".

Nesta liña, o socialista Xosé Sánchez Bugallo espetou que Feijóo relegou a Mato á xestión "dunha maría", baseándose na importancia que, ao seu xuízo, outorga o Goberno galego á Consellería de Medio Ambiente, posto que solo xestionará "o 2,5%" do total dos 8.800 millóns de euros da Xunta, o que definiu como unha "a propina escasa que alguén deixa cando vai cear".

Pola súa banda, Ana Pontón (BNG) lamentou que Beatriz Mato "non acepte o seu cesamento" á fronte de Traballo e Benestar, tras un traballo "non moi destacado".

Como réplica, Beatriz Mato esgrimiu que o paro baixou con ela á fronte de Traballo, á vez que defendeu que Medio "non é a consellería maría", "nin por suposto a consellería da propina".

De feito, Mato xustifica que a Xunta busca que os temas ambientais sexan "protagonistas", e por iso "nace esta consellería". Tamén Santiago Freire (PP) puxo en valor as "calidades" da conselleira en xestión e experiencia parlamentaria, posto que "algo terá a auga cando a bendicen".

Aumento de presuposto de augas de galicia

Así as cousas, Mato informou sobre que o presuposto de Augas de Galicia crece un 16,7% en 2016 ata os 100 millóns no marco dunhas contas da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que aumentan un 6,6% -dous puntos máis que a media de incremento en toda a Xunta- para o ano que vén, ata un total de 254 millóns de euros.

En comisión parlamentaria para presentar os presupostos do seu departamento, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, remarcou que as liñas nas que se basean as contas son a aposta polas infraestruturas hidráulicas, a xestión de residuos e unha ordenación "sostible" do territorio.

Para iso, subliñou que, a pesar do "inxente traballo" para o saneamento de augas dende 2009, con "case 1.000 millóns" destinados, este aínda "está incompleto", xa que están saneados o 77% das masas de auga.

Así, dos 100 millóns de Augas de Galicia, un total de 54 millóns son para obras hidráulicas, mentres que se destinan 24,6 millóns de euros á depuración das rías, "un 146% máis". Especial atención merece a ría do Burgo, para a que van 6 millóns de euros; así como actuacións nas rías de Arousa (con 800.000 euros para Boiro) e de Ferrol, pois na Enseada de A Malata se executarán 800.000 euros; con 400.000 euros ao plan de saneamento local da ría de Pontevedra.

Ademais, haberá 8,3 millóns para a EDAR de Vigo en 2016, así como 3 millóns de euros para a depuradora de Ribeira, xunto a 500.000 euros para interceptores en Ferrol e Narón, ou 486.000 para a depuradora de Negreira. Tamén garantiu unha partida en 2016 para o financiamento da nova EDAR de Santiago, pero "aínda non hai concreción financeira". Ademais, para servizo básicos no rural van 6,3 millóns de euros.

Xestión de residuos e ordenación sostible

En materia de xestión de residuos, Mato puxo en valor dende 2010 houbo unha redución dun 11% de xeración de residuos per cápita, polo que xa se cumpriu, segundo expuxo, unha previsión que estaba fixada para 2020. Ademais, destaca un decrecemento nos últimos tempos dos depósitos en vertedoiro do 53% ao 42%.

Sobre Sogama, afirmou que conseguiu en 2015 "os mellores resultados desta lexislatura", ao reciclar 604.000 toneladas, o "80% do que recibe, mentres aumentou un 3,9% a produción de enerxía este ano respecto a 2014.

Tamén recordou que o próximo ano se iniciarán as obras para a construción dunha nova planta de compostaxe nas instalacións do vertedoiro de Sogama, a inversión total da cal ascenderá aos 3 millóns de euros, entre outras actuacións, dun modelo "solvente, eficiente e sostible".

Xunto a isto, en 2016 prevese eliminar 160 verteduras incontroladas con 1,3 millóns de euros, así como haberá 300.000 euros para reformar a rede de 146 puntos limpos.

O departamento que dirixe Beatriz Mato tamén prevé unha partida de 6,3 millóns de euros, un 32,5 por cento máis que este ano, para combater os efectos do cambio climático.

A Consellería destacou a conservación da natureza tamén incrementa o seu presuposto nun 26,5%. Dentro deste área, algunha das liñas principais de actuación serán a protección e fomento do Parque Nacional das Illas Atlánticas e doutros seis parques; así como accións no espazo Red Natura 2000.

Críticas oposición

En contraposición, Sánchez Bugallo (PSdeG) recrimina que estes presupostos "teñen moito máis de conto que de conta", cunha porcentaxe de execución de Augas de Galicia "moi baixo", mentres en Sogama "apenas se recicla".

A liña seguido, preguntouse se de "de verdade cree que con 800.000 euros vai haber avance significativo" na ría de Arousa ou cos 400.000 euros en Pontevedra "vaise resolver algo".

Ana Pontón (BNG) criticou a "falta de ideas novas" en materia de medio e territorio, posto que a "maior parte" das cousas xa foron anunciadas en 2015, nunha "especie de déjà vu.

Sobre este extremo, censura como "irrisorios" os 85.000 euros para "solucionar o problema de terreos queimados en Rede Natura"; mentres non vai cumprir en 2015 a directiva marco da auga, unido a "recortes enormes" en actuacións ambientais nos últimos anos. Tamén puxo sobre a mesa que Feijóo "prometeu en 2009" que ía sanear as rías nesa lexislatura, pero "vai rematar" a segunda lexislatura sen facelo.

A isto únense críticas de Pontón a Sogama como "foco de contaminación", xa que ve "moi grave" que Mato recoñeza que hai "un 20%" de residuos que "non se tratan", "incumprindo lexislación vixente" nunha "ilegalidade clara".

Tamén reprochou Pontón que a Consellería "está a incumprir" a lei de transparencia ao non publicar na web os gastos de gabinete do seu departamento para saber "quen son os asesores" e cáles son as remuneracións.

Antón Sánchez (AGE) cualificou de presupostos de "mentira" os de Medio, xa que a media de execución de operacións capital da Consellería é do "72%. Así, censura que se aposte por un modelo de Sogama que "non é sostible nin racional", que pasa, ao seu parecer, por aumentar a incineración e non reducir a xeración de residuos en orixe, mentres gastan 161 millóns de euros en transporte de lixos a Sogama.

Ademais, recrimina que, tras o paso de tres conselleiros, se vaia aprobar unha lei do chan que "non busca o consenso", porque non houbo "un debate serio" sobre os seus fundamentos, xa que vai dar lugar a un "reino de taifas".

Mostrar comentarios

Códigos Descuento