Os sindicatos aplauden as fianzas impostas aos exdirectivos de Novacaixagalicia

A CIG estuda sumarse á causa aberta na Audiencia Nacional

Os sindicatos CC.OO., UGT e CIG aplaudiron este mércores as fianzas impostas polo xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno a catro exdirectivos de Novacaixagalicia polo cobramento de indemnizacións millonarias.

Así, en declaracións aos medios durante a manifestación contra os despedimentos na banca, o secretario xeral de Banca da CIG, Clodomiro Montero, valorou a decisión xudicial e anunciou que a CIG estuda sumarse á causa aberta na Audiencia Nacional.

Non obstante, cren que "hai que ir máis alá" e piden unha comisión de investigación que estude a fusión das caixas galegas e tamén reclaman responsabilidades políticas.

Non están "tódolos responsables"

"Non cabe que responsables políticos que estiveron nos consellos de administración de Caixa Galicia ou de Caixanova pretendan seguir na actividade política", denunciou Montero, quen cre que esta situación "é máis grave que a Operación Pokémon".

Pola súa banda, o secretario xeral de UGT en Novagalicia Banco, José María de Pliego, denunciou que na causa aberta non están implicados "todos os responsables" da situación das entidades financeiras.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento