A balada de John Balan

John Balan é moito máis ca un home orquestra.
Foi quen de xuntar nunha mesma fronteira o Miño e o Mississippi, de facerlle sombra ao vampiro Vladimir, de atropelar vellas subido a unha moto invisíbel e de facer felices a varias xeracións de galegos, sobre todo aos seus veciños que o recordan dende pequeno facendo as súas propias películas de vaqueiros no Seixo (Marín). O neno fíxose vello por fóra pero segue conservando toda a fantasía, o humor e o pucho de cowboy sen perder nada de lucidez.O venres pasado o Teatro Principal de Pontevedra encheuse de amigos, veciños e admiradores de Balan, que non pasa polo seu mellor momento de saúde, para facerlle unha homenaxe realmente emocionante, na que se repasaron os seus mellores momentos na televisión con Íñigo ou con Quintero, tocando portas e asubiando pasodobres, mirando desafiante e retranqueiro. «Traballa o que non vale para outra cousa», dicía, e nós morremos de envexa e aínda nos atrevemos a chamarlle freak. Quen nos dese.
Mostrar comentarios

Códigos Descuento