Somos unha potencia

Permítanme mangarlle o título ao programa nocturno que vai estrear Carlos Blanco na Televisión de Galicia, pero é que os feitos mandan.
Non seremos unha potencia económica nin cultural nin tecnolóxica nin moito menos futbolística, pero xa o dixo o outro: non vai ser todo fútbol.

Como país pequeno que somos, os nosos deportes teñen que ser por forza minoritarios. Sabían que somos campións peninsulares en loita grecorromana?

E que o domingo pasado a selección galega de triatlón se proclamou campiona da primeira proba da Copa de Europa en Estoril? Sóanlles os nomes de Xabier Gómez Noia ou Aída Valiño? Pois apúntenos, que para os vindeiros Xogos Olímpicos aí estarán demostrando o que vale andar todo o día correndo congostras a pé ou en bicicleta.

Ademais acabamos de montar un equipo ciclista propio patrocinado polo mesmísimo Karpin (patriota galego). Así que non se queixen, que ante a furia española podemos demostrar que coa humildade galega tamén sabemos gañar. Que xa estaba ben de tanto saber perder.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento