Un retrouso

Pasada a Pascua, e os primeiros intentos de enfundar o biquini do ano pasado á primeira raiola de sol, por aí adiante xa andan pensando en con que nos van torturar as orellas nos vindeiros meses.
A falta aínda de novidades, a canción do verán deste ano anda entre as Ketchup e un paisano que se fai chamar El Koala e que arrasa en internet cun humor andaluz á altura dos Mojinos Escozíos, e que aquí podería ter un equivalente nos extintos Heredeiros da Crus.

Falando de equivalentes, a min o que me amola é que cada vez que se fale da canción do verán esta teña que proceder case sempre de Andalucía. Deus me libre de calquera xenofobia, ozú. Máis ben autoodio por non poder gozar dunha canción estival na miña lingua.

Agardando que aquí siga tendo máis éxito o miudiño que o Paquito el chocolatero, só nos queda algo que se poida bailar nas discos. Catro notas que xuntas (se) peguen ben, unha letra estúpida e simpática. Señores músicos galegos, un retrouso. Tampouco é tanto pedir.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento