Macrobébedos

Ata hai cinco minutos considerábame unha muller nova, pero acabo de deprimirme un pouco ao decatarme de que eu xa non son da xeración do botellón.
Vaia por diante o matiz de que xeograficamente aos galegos énos moi duro tratar de competir cos andaluces nisto de xuntar milleiros de chuzas á intemperie: calquera se bota a facer botellón con este tempo. Pero iso xa o sabemos nós dende hai moito, e por algo somos das comunidades con máis bares per cápita. Nos meus tempos non había botellón de parque nin falta que facía, habendo ducias de tascas a dez pesos a taza de Ribeiro (sic), con pota asegurada por só cincocentas pelas, menos do que custaba unha botella de DYC.

Eran outros tempos e, que queren que lles diga, síntome un pouco fóra de onda ao ver que de tantos emails e sms que disque se pasaron por aí para convocar a xente aos macrobotellóns eu non recibín nin o primeiro. E agora comprendo máis que nunca os amolados que poñen o grito no ceo: seguro que a eles tampouco os chamaron.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento