As choivas deixan 49 litros por metro cadrado en Baltar (Ourense) e 46 en Arzúa (A Coruña)

  • SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 (EUROPA PRESS)
Treboada
Treboada
EUROPA PRESS
Treboada

As intensas precipitacións rexistradas o luns en varios puntos da Comunidade galega deixaron 49 litros por metro cadrado en Baltar (Ourense) e 46 en Arzúa (A Coruña), localidades na que máis choveu.

Así o explicaron a Europa Press fontes de Meteogalicia, que destacaron que o terceiro municipio no que máis auga se acumulou foi Santiago de Compostela, con 22 litros por metro cadrado.

Precisamente, aínda que en Baltar e Arzúa só se rexistráron contratempos puntuais, a intensa choiva provocou un reguero de incidencias na capital galega, xa que nun período de 10 minutos acumuláronse 9,1 litros por metro cadrado, con inundacións en zonas como o Polígono do Tambre.

Segundo explicou o departamento que depende da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, este episodio treboento, que deixou estas intensas precipitacións e que se caracterizou por "ser moi local", remitirá ao longo da xornada deste martes.

MÁIS DE 10.000 RAIOS

E é que, conforme detallaron as mesmas fontes, a treboada rexistrada este domingo e luns provocou en Galicia máis de 10.000 raios. Concretamente, na xornada do domingo, día 27 de agosto, caeron en Galicia un total de 8.084.

Esta cifra converte ao pasado domingo no cuarto día con máis lóstregos desde que hai rexistros diarios (ano 2010). Así, a do 26 de maio de 2017 foi a xornada con máis raios en Galicia, con 9.562; seguida da do 23 de xuño de 2014, con 9.397; e da do 9 de maio de 2017, con 8.676.

Pola súa banda, xa o luns, descendeu a intensidade do aparello eléctrico sobre a Comunidade, ao contabilizarse 3.993 lóstregos sobre Galicia.

PREVISIÓN

Ademais, a treboada que afectou a Galicia estes días debeuse á entrada de aire frío en zonas medias e altas da atmosfera que tamén este martes deixará algúns fenómenos adversos, pero "nin tan fortes nin tan xeneralizados", tal e como indicaron as mesmas fontes.

Deste xeito, a previsión para os próximos días sinala que durante a xornada do mércores continuarán as choivas, xa que unha fronte atravesará Galicia deixando precipitacións xeneralizadas.

Xa o xoves recuperarase a influencia anticiclónica, aínda que as temperaturas sufrirán un lixeiro descenso vinculado á borrasca que este mércores traerá aire frío.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento