A 29 edición de Cineuropa, que premia a Arturo Ripstein e a Miguel Gomes, proxectará 300 fitas do 6 ao 29

O director recoñece que foi "duro" ter un 60% menos de presuposto e o novo goberno comprométese a buscar a "estabilidade" do festival

A XXIX edición de Cineuropa, que se celebrará na capital galega entre o 6 e o 29 deste mes, proxectará un total de 300 fitas nun certame no que serán homenaxeados o director mexicano Arturo Ripstein, con máis de medio século de traxectoria internacional, e a Miguel Gomes, un dos máis recoñecidos valores de vangarda do cinema portugués e europeo.

As películas proxectaranse en cinco salas -Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC, Sede Afundación e Auditorio de Galicia-, nas que se poderán ver as 158 fitas da sección máis oficial e as 143 que se enmarcan no que se denomina OFF-Cineuropa. O prezo mantense en 4 euros e haberá os habituais bonos de 10, que reducen o custo a 3 euros por entrada.

A comedia francesa 'Le Nouveau' será a encargada de abrir o festival o venres 6, ás 20,30 horas no Teatro Principal. Trátase dunha fita que se fixo co premio de Novos Realizadores no festival de cinema de San Sebastián.

En palabras do director do festival, José Luis Losa, é unha fita elixida para "ir cargando as pilas", aínda que non por iso se debe considerar "lixeira". É "feroz e divertidísima" e, ao seu xuízo, "un dos grandes descubrimentos do ano", agregou.

Baixo a convicción de que é "o festival ao que querería ir" como espectador, Lousa debullou o programa -que se pode consultar na web (cineuropa.gal)-, e no que se inclúe a proxección simultánea, o día 11, da película 'Mediterránea', en Santiago, París, Bruxelas, Bucarest, Bratislava, Lisboa e Cork, dentro dos Premios LUX do Parlamento Europeo.

Acompañado do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen aplaudiu que o festival "segue en liña ascendente cualitativa e cuantitativamente" e é unha "auténtica referencia" cultural; o director do certame puxo en valor seccións como a que abordará a caza de bruxas en Hollywood, un asunto que, dixo Lousa, permanece de "palpitante actualidade" e fixo referencia aos medios de comunicación e a que nel mesmo caeu unha lista deste tipo.

101

Películas na sección máis oficial

En total, serán 101 filmes na Sección Oficial, Panorama Internacional, Maiores con Reparos, Docs-Cineuropa, Fantastique Compostela, Arturo Ripstein: Tributo e Retrospectiva, Retrospectiva Artur Brauner, ESpecial Dominik Graf, Lembranzas, Panorama Audiovisual Galego, Disidencias, Proxeccións Especiais e o Maratón.

A elas, hai que sumar 145 no apartado OFF-Cineuropa, no que se enmarcan as seccións Roxos e Marcianos: a caza de Bruxas en Hollywood; Arthur Miller Centenario, Ciclo Amos Kollek, Filmadas en 1965, Cineuropa recomenda-Cinema de culto e Docs Music.

Cineuropa brindará esta edición tres recordatorios. As dúas primeiras serán aos premios Cineuropa falecidos este ano -Manuel de Oliveira e Vicente Aranda- e a terceira, aos multifacéticos creadores galegos Chichi Campos e Toñito Blanco. Haberá dous maratóns, un centrado no cinema norteamericano de ciencia ficción de serie B (onde os marcianos eran alter ego dos comunistas) e o maratón trasgresor xa habitual do último fin de semana, de preto de 12 horas.

No premio do público, que decidirán os espectadores, competirán un total de 35 películas, mentres que a sección internacional estará dominada polo cinema latinoamericano e polos grandes mestres do cinema oriental.

Fitas destacadas

Entre as fitas destacadas atópanse 'Son of Saul', 'Mustang', 'Mia Madre' ou 'The assasin', do Festival de Cannes; 'Dende alá' (León de Ouro), 'Rabin, the last day', e 'A rúa da amargura' (Arturo Ripstein), entre outras, do Festival de Venecia; e 'Taxi Teherán', que foi Oso de Ouro de Berlín, certame do que chegarán outras fitas.

Chegada de Sitges, chegan 'The Invitation', 'The Final Girls', 'Demon' e 'The Gift'; mentres que de San Sebastián estará a gañadora da Cuncha de Ouro 'Sparrows', ademais de 'Sunset Songs'.

Ao respecto, o director do festival destacou a "democratización" das películas que supón o certame cinematrográfico compostelano, xa que fai "accesibles" unha serie de películas que non chegarían aos cines habituais. Por iso, asegurou que este festival fai do público compostelano o "mellor informado".

José Luis Losa subliñou o esforzo realizado para manter o nivel de festival, algo que atribuíu ao descenso do 60 por cento do presuposto que houbo para esta edición, derivado do anterior goberno (do PP), con respecto ao ano anterior. De máis de 400.000 euros a 200.000 euros para esta edición.

O director do festival afirmou que foron uns momentos "duros" e confiou en que o próximo ano mellore a situación co novo goberno. Precisamente, o rexedor compostelano apuntou que a idea é dotar de "estabilidade" ao festival, co fin de "dar un salto, se se pode aínda, no futuro".

Seccións de pagamento e gratuítas

Serán de pagamento unhas cen películas, as das seccións Oficial, Panorama Internaciona, Maiores con reparos, Docs-Cineuropa, Fantastique Compostela e Artur Ripstein: Tributo e Retrospectiva. O resto, unhas 200, serán de entrada libre ou gratuíta previa retirada de convite.

Durante o certame, tamén se estreará en Galicia o documental 'Frankenstein-04155', no que se narra o accidente do Alvia en 2013, así como filmes que se centran na traxedia dos refuxiados como 'Mediterranea' ou 'Flotel Europa'.

Tamén se proxectarán algunhas das máis grandes e laureadas películas da tempada con poderosas denuncias da violencia de xénero ou da opresión da muller 'Paulina', 'Nahid', 'O incendio' ou 'Mustang'.

Mostrar comentarios

Códigos Descuento