Escanciando cine

Nunca é unha mala idea ir a Asturias. Tampouco esta é mala época para ir andar aos montes, á primeira neve ou á caloriña dun bo pote. Asturias é patria querida, irmá e curmá, e exemplo a seguir en moitas cousas: a querencia pola cultura sen pomposidades, a modernidade sen postureo e o compatibilizar todo o anterior cunha boa dieta de sidra e Cabrales nos bares da capital, que é moi sana para o espíritu. Os aires cantábricos poñen o resto. Todo iso e máis é o espíritu do Festival de Cine de Xixón, que contempla cine independente e cine infantil, que non ten alfombras vermellas nin photocall nin falta que fai. Onde se traen cineastas para compartir coa xente o amor ao cine, onde se pode falar con eles nunha rúa ou nun bar. Onde a poboación participa e comparte e celebra a paixón polas cousas que lle gustan. Onde se vai con apertura de miras e se volve cunhas cantas gratas sorpresas. Ía dicir que quen nos dera ter aquí un Festival de Xixón, pero para qué, se o temos aí ao lado. Alá imos.